O #LAIC seguirá convertendo A Coruña en cidade modélica en innovación audiovisual para compartir

luns, 18 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

A recta final de ano vai estar na Coruña marcada polas TIC, prolongándose o proceso continuo de transformación da cidade nun referente en desenvolvemento, divulgación, formación e intercambio de experiencias fílmicas tecnolóxico-informáticas. Todo isto vén a conto para falarmos da reactivación en decembro do #LAIC, o Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación, o ciclo de encontros formativos de Coruña Dixital para persoas interesadas na cultura audiovisual, os novos medios e a transformación dixital. Na convocatoria que está a piques de comezar volverán participar cineastas, produtoras, estudantes, docentes, profesionais da comunicación e do deseño, activistas, artistas, tecnólogas e especialistas en ferramentas dixitais.
O obxectivo último é converter A Coruña “nun polo estratéxico de innovación, creatividade e boas prácticas que xeren modelos de traballo audiovisual sustentábel”, en palabras do Coruña Dixital.
A nova edición xirará arredor da creación dixital transmedia, é dicir, de historias que se expanden en múltiples dispositivos e formatos, cunha participación activa dos públicos.
O novo LAIC desenvolverase oficialmente entre xaneiro e marzo de 2020, cunha primeira sesión panorámica en decembro deste ano da que recibiremos máis datos en datas vindeiras.
O comisario do programa, o xestor cultural Sergio Lago, detallou recentemente que o #LAIC deste ano “estará moito máis vinculado á creación dixital transmedia e traballará coa comunidade técnica da cidade adicada á creación audiovisual, á programación informática e aos novos escenarios de realidade virtual, xa que temos grandes referencias na cidade neste ámbito”.
A mediados de decembro o #LAIC desenvolverá unha primeira sesión panorámica sobre esta temática, para retomar, dende a volta do Nadal e ata finais de marzo, a súa actividade con sesións semanais no Centro Ágora.
Dende as redes de Coruña Dixital anunciaranse de maneira gradual cada unha das citas e abrirase a inscrición nas charlas e talleres do #LAIC que, como todas as actividades do programa, serán de balde.
Na páxina web do laboratorio temos todo tipo de datos informativos sobre os obxectivos e natureza do programa, ao que se engade un vídeo recentemente pendurado no que se informa dos logros de 2019.

PUBLICIDADE