LEGO Batman 3 sae á venda esta semana

mércores, 12 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Esta semana chega por fin ás tendas o agardado xogo LEGO Batman 3: Más Allá de Gotham, terceira entrega da franquía de LEGO Batman que por segunda vez aposta polo amplo abano de personaxes do Universo DC para enriquecer as aventuras do gardián de Gotham, e que xa pode mercarse para PC en Steam, e que o vindeiro venres estará tamén dispoñible para Xbox 360, Xbox One, Wii U, Nintendo 3DS, PS3, PS4 e PS Vita.
Neste novo xogo a Terra terá que enfrontarse á ameaza de Brainiac, de xeito que superheroes e viláns terán que unir forzas para derrotar ao malvado coleccionista de mundos, para o que percorrerán mundos nos que recoller aneis de lanterna das distintas cores para así xuntar o poder para derrotar impasible coluano.
Este título levará a Batman e aos seus aliados ao espazo exterior, de xeito que gozaremos de combates espaciais por primeira vez na saga; contarase con máis de 150 personaxes distintos do Universo DC, con cadanseus poderes e habilidades; percorreranse escenarios emblemáticos da banda deseñada de Batman e a Liga da Xustiza; e incluso poderase acceder a numeroso contido descargable que enriquecerá a historia con novas aventuras e modos de xogo adicionais.

Numerosos malvados únense aos heroes da Terra para derrotar a Brainiac


Trailer de lanzamento de LEGO Batman 3