LEGO Batman: El legado del Caballero Oscuro estrea tráiler de lanzamento

xoves, 7 de maio do 2026 Redacción

TT Games e Warner Bros. Games publicaron o tráiler de lanzamento de LEGO Batman: El legado del Caballero Oscuro, o novo videoxogo de acción e aventura en mundo aberto protagonizado polo heroe de Gotham, que chegará o vindeiro 22 de maio para PlayStation 5, Xbox Series X|S e PC, mentres que a versión para Nintendo Switch 2 estará dispoñible máis adiante.
A peza promocional aposta claramente pola nostalxia arredor do universo cinematográfico de Batman ao empregar unha reinterpretación cinematográfica de Kiss from a Rose, a coñecida canción de Seal asociada historicamente a Batman Forever. O tema acabou convertido nun dos maiores éxitos do artista despois de que o director Joel Schumacher decidise incluílo nos créditos do filme de 1995 e no videoclip promocional da película, malia que inicialmente non figuraba nas escenas principais.
O vídeo amosa secuencias de combate, persecucións e numerosos viláns clásicos do universo DC, ao tempo que deixa ver referencias visuais e argumentais a distintas etapas da historia audiovisual de Batman. Entre elas inclúense mesmo homenaxes a Batman & Robin (considerada unha das adaptacións máis cuestionadas do personaxe no cinema), así como ás entregas dirixidas por Tim Burton e por Christopher Nolan.
O xogo propón seguir a evolución de Bruce Wayne ata converterse no protector de Gotham City, mesturando elementos inspirados en décadas de filmes, series, cómics e videoxogos do Cabaleiro Escuro co humor característico das producións de LEGO desenvolvidas por TT Games.
Pese a estarmos ante un título que busca ser apto para todos os públicos, o seu sistema de combate lembra á serie de xogo Batman: Arkham, polo que poderiamos estar ante un xogo que satisfaga a un abano de público moi amplo, e non só aos seareiros dos xogos de LEGO.

Tráiler de lanzamento de LEGO Batman: El legado del Caballero Oscuro