LG amplía a súa proposta de xogo na nube dende o televisor

venres, 21 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

O Gaming Portal de LG, que permite gozar de xogos en streaming dende televisores conectados de LG que funcionen con webOS 23 ou superior en 19 mercados (entre os que figura España) anuncia que vai espallarse a novos mercados, plataformas e dispositivos (como os monitores LG Smart e as pantallas StanbyME) durante o segundo trimestre do ano.
Dentro do Gaming Portal podemos acceder a numerosos servizos de xogo na nube, como nVIDIA GeForce NOW, Amazon Luna, Boosteroid e Blacknut, estando previsto que en breve chegue tamén Xbox Cloud Gaming, o que, xunto cos xogos nativos para webOS converte a esta plataforma nunha das máis completas do mercado á hora de xogar directamente dende o televisor, para non precisar dunha consola de videoxogos para gozar de potentes videoxogos.
Dende LG destacan o feito de que as súas pantallas poden ofrecer unha experiencia de xogo moi boa, grazas a que soportan imaxes 4K a 120 Hz con VRR e compatibilidade con nVIDIA G-SYNC e AMD FreeSync Premium. No caso dos televisores LG OLED evo a cousa iría aínda máis aló, xa que estamos ante pantallas 4K capaces de funcionar a 165 Hz, que tamén contan con certificación VESA ClearMR 10000.

O Gaming Portal de LG facilita o xogo na nube sen necesidade de consola