LG anuncia o seu terceiro móbil de PRADA

mércores, 14 de decembro do 2011 Marcus Fernández

Da colaboración entre PRADA e LG chega un novo teléfono móbil, o PRADA phone by LG 3.0 (tamén coñecido como LG PRADA 3.0), que sería o terceiro smartphone en resultar desta colaboración, e que destaca por elementos como a súa pantalla táctil de 4,3 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles e un brillo de 800 cd/m2. Este novo móbil tamén é moi delgado (8,5 milímetros), funciona cun procesador de dobre núcleo a 1 GHz, conta cunha cámara de 8 Mpíxeles e 8 Gb de almacenamento interno.
Para mellorar o seu atractivo, o terminal contará con accesorios como unha base ou un auricular Bluetooth de PRADA, e incluso véndese cunha bolsa da marca. No tocante ao software, vén con Android 2.3.7 cunha interface de usuario personalizada que sorprende por estar nun minimalista branco e negro, no que algúns consideran que é a interface de Android personalizada máis tola ata o momento.
O LG PRADA 3.0 chegará ás tendas a primeiros do ano que vén.


Vídeo promocional do PRADA phone by LG 3.0