LG anuncia unha webcam para habitacións de hospital

venres, 27 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

LG vai presentar na feira ISE 2023, que terá lugar en Barcelona entre o 31 de xaneiro e o 3 de febreiro, a súa nova LG Smart Cam Pro modelo AN-VC22PR, unha webcam 4K orientada ao seu uso en hospitais e outros centros de saúde, que pode integrarse en webOS (ou sexa, que podería utilizarse con televisores conectados de LG).
A LG Smart Cam Pro integra unha cámara principal 4K a toda cor e unha cámara 4K de visión nocturna, de xeito que ofrece unha imaxe moi definida (3.840 x 2.160 píxeles) ou un zoom dixital de 4x, contando tamén con efecto HDR para poder ver con claridade en caso de contraluz.
LG propón a conexión desta cámara a un televisor ou pantalla que estea na habitación dun paciente, de xeito que o persoal médico podería comunicarse con el virtualmente, para ter unha maior atención máis aló das visitas presenciais. Unha vez rematada a videoconferencia o televisor volvería a amosar os contidos que estivese a reproducir anteriormente.
A cámara tamén integra 4 micrófonos, que facilitan a cancelación de eco e a redución de ruído, conseguindo así unha boa comunicación entre persoal médico e pacientes.
Resulta curioso ver como as cámaras en televisores, que hai uns anos fracasaron comercialmente (até o punto de que Microsoft eliminou a compatibilidade de Skype con televisores), agora poderían rexurdir en usos especializados como o ámbito sanitario.

PUBLICIDADE