LG aposta polas lentes pasivas nos seus novos televisores 3D

mércores, 29 de decembro do 2010 Marcus Fernández

LG anunciou que vai levar ao Consumer Electronics Show (CES) de Las Vegas o vindeiro mes de xaneiro o seu novo televisor LW6500, que fai uso dun novo panel FPR propietario de LG que optimiza a separación das imaxes entre o ollo esquerdo e o dereito para representar imaxes 3D dun xeito nítido.
Cómpre destacar que este novo televisor opta polo uso de lentes pasivas para as imaxes estereoscópicas, ou sexa, que a imaxe non pestanexa, o que permite unha visión máis cómoda, reduce a fatiga visual e permite o uso de lentes máis lixeiras (duns 16 gramos) por non ter que incorporar partes eléctricas (nin usar baterías).
O LG LW6500 tamén incorpora conversión de 2D a 3D, tecnoloxías LED Plus e TruMotion 200Hz, conectividade USB 2.0, compatibilidade con vídeos en DivX Plus/HD, saída HDMI 1.4 e está preparado para DLNA, Wi-Fi e DVR. Venderase en tamaños de 42, 47, 55 e 65 polgadas.

PUBLICIDADE