LG cesará a fabricación de televisores de plasma o vindeiro mes

martes, 28 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Televisor de plasma de LG (modelo 50PQ60D) presentado en 2008

No verán comentamos que LG tiña previsto cesar en breve a fabricación de televisores de plasma, e agora dende Reuters confirman que ante a baixa demanda desta tecnoloxía de pantalla LG cesará a súa fabricación a finais do mes que vén.
Actualmente as pantallas de plasma só supuñan a LG o 2,4% dos seus ingresos anuais, e aseguran que a súa intención era continuar a súa produción deste tipo de paneis tanto como fose posible, pero atopáronse con que na actualidade “xa non é negocio”.
Lembremos que a tecnoloxía de plasma ten un consumo moi superior aos paneis LCD (o que incluso é perceptible pola calor que disipan os seus televisores) e ofrece unha resolución bastante inferior, de aí que leve anos caendo en vendas.
Panasonic xa abandonou o mercado do plasma, e agora que LG fai o mesmo, o único fabricante importante que manterá unha liña de produción de televisores de plasma será Samsung, aínda que non está nada claro que continúe moito tempo no negocio, xa que a súa filial Samsung SDI tamén rematará a produción de plasma a finais de novembro.

PUBLICIDADE