LG lanza un portátil con pantalla táctil encartable

martes, 26 de setembro do 2023 Marcus Fernández

As pantallas encartables fixéronse relativamente populares nos smartphones, de aí que xa non sorprenda ver dispositivos como o Samsung Galaxy Z Fold5, cunha pantalla principal encartable que incluso soporta o uso dun lapis dixitalizador, pero as posibilidades deste tipo de dispositivo poden ter moito sentido nun maior tamaño, para xuntar a versatilidade de tabletas e portátiles nun único produto, como pretenden co novo LG Gram Fold, que o vindeiro 4 de outubro sae á venda en Corea do Sur a un prezo de 4,99 millóns de wons (3.484 euros).
LG presenta este equipo como un ordenador portátil, pois cando está semi-encartado vén a ser como un equipo cunha pantalla de 12 polgadas cunha relación de aspecto 3:2, mentres que a outra metade da pantalla pode facer de teclado virtual (aínda que tamén pode colocarse sobre esa parte un teclado físico moi delgado, que resulta máis acaído para usuarios que teñan que escribir textos de certa lonxitude). Se deixamos o dispositivo totalmente aberto, e optamos por empregar un teclado externo, nese caso sería como ter un ordenador cunha pantalla de 17 polgadas. Tamén é posible optar por empregar o dispositivo en modo libro, deixando clara a súa grande versatilidade.
O LG Gram Fold funciona cun procesador Intel Core i5-1335U, 16 GB deRAM, 512 GB de almacenamento interno NVMe, 2 portos USB-C (un compatible con Thunderbolt 4), 1 porto USB 3.2, batería de 72 Wh e, como característica principal, unha pantalla táctil OLED cunha resolución de 2.560 x 1.920 píxeles compatible con lapis dixitalizador de Wacom. O equipo ten un grosor de 9,4 milímetros aberto, e até 19,2 milímetros pechado, sendo o seu peso de 1,25 quilogramos (1,53 quilogramos incluíndo o accesorio de teclado).
Aparte dun hardware bastante completo, cómpre salientar que este equipo funciona con Windows 11, polo que resulta evidente que o seu uso principal é como ordenador persoal, mentres que as funcionalidades táctiles estarían bastante limitadas (aínda que para o consumo de contidos tería pouca importancia).

JPEG - 97.2 KB
O LG Gram Fold é un portátil moi versátil grazas á súa pantalla encartable

Vídeo promocional do LG Gram Fold

PUBLICIDADE