LG pecha a súa división de realidade estendida

xoves, 20 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Mark Zuckerberg (Meta) con William Cho e Park Hyoung-sei (LG)

Hai pouco máis dun ano selouse un acordo de colaboración entre Meta e LG para o desenvolvemento dun produto que puidese competir coas Vision Pro de Apple. Confiábase en que os avances de LG no ámbito da realidade estendida permitisen que Meta puidese avanzar máis rápido nun mercado que parecía prometedor, pero agora o diario surcoreano The Bell dá conta do peche da división comercial de LG dedicada á realidade estendida, dando a entender que a compañía non ve que tal negocio vaia ter demanda a medio prazo.
A información publicada por The Bell matiza que a compañía manterá a I+D nese ámbito, pero non nunha división de seu, senón dentro da división de tecnoloxía en xeral, que actualmente está a centrar os seus esforzos en ámbitos máis prometedores, como poden ser a intelixencia artificial e a robótica.