LG pon á venda un novo proxector 4K de tiro ultracurto

martes, 5 de agosto do 2025 Redacción

LG Electronics vén de anunciar o lanzamento global do LG CineBeam S (modelo PU615U), un novo proxector 4K de tiro ultracurto (UST) que destaca polo seu tamaño compacto, a calidade de imaxe e a flexibilidade para adaptarse a calquera espazo. Continuando o legado do CineBeam Q, este novo modelo achega imaxes con resolución 4K (3.840 x 2.160) e son cinematográfico con tecnoloxía Dolby Atmos.
O CineBeam S permite transformar ata os espazos máis reducidos nunha sala de proxección persoal, podendo colocarse o proxector a tan só 8,1 centímetros da superficie de proxección para ofrecer imaxes de entre 40 e 100 polgadas. Este deseño compacto evita a necesidade de instalacións complexas ou reordenación do mobiliario, facendo que sexa ideal para fogares con limitacións de espazo.
O novo CineBeam S vai máis alá en calidade de imaxe, cun sistema de láser RGB que cobre o 154 % da gama cromática DCI-P3, garantindo unha reprodución precisa da cor e un contraste de 450.000:1, mentres que a súa luminosidade é de 500 lúmenes ANSI.
No apartado de son, integra altofalantes estéreo compatibles con Dolby Atmos para ofrecer unha experiencia envolvente. Ademais, incorpora a plataforma webOS de LG, que permite o acceso directo a servizos de streaming populares como un Smart TV. En canto á conectividade, conta con portos HDMI e USB-C, e soporta transmisión sen fíos mediante AirPlay 2 e Screen Share.
O LG CineBeam S presenta un deseño minimalista con acabado metálico que lle permite integrarse con elegancia en calquera interior. Cunhas dimensións de só 110 x 160 x 160 milímetros e un peso de 1,9 quilos, resulta moi portátil e pode transportarse facilmente.