LG presenta a súa solución móbil de recoñecemento de voz

mércores, 20 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Despois de que Apple integrase o sistema de recoñecemento de voz Siri no iPhone 4S, Samsung respondeu incluíndo a tecnoloxía S-Voice no Samsung Galaxy S III, e o LG non quere ser menos, polo que vén de dar conta de Quick Voice, tecnoloxía de recoñecemento de voz que permite lanzar aplicacións, programar avisos, realizar chamadas, consultar a información meteorolóxica e outras funcións que nas vindeiras semanas vai chegar a varios dispositivos da familia Optimus mediante unha actualización do seu software.
Os primeiros dispositivos en incorporar Quick Voice en Corea do Sur serían o LG Optimus Vu a finais de mes e o Optimus LTE 2 no mes de xullo, datas nas que tamén estaría prevista a súa actualización a Android 4.0 (polo que non sería sorprendente que chegasen da man). Polo momento non deron detalles sobre o espallamento internacional desta tecnoloxía de recoñecemento de voz.

PUBLICIDADE