LG presenta monitores OLED que ofrece unha experiencia de xogo sen igual

xoves, 21 de decembro do 2023 Marcus Fernández

LG vai levar ao CES de Las Vegas os seus novos monitores gaming UltraGear OLED, deseñados para ofrecer unha experiencia de xogo superior, destacando especialmente o monitor modelo 32GS95UE, que é o primeiro do mercado en ofrecer unha velocidade de refresco dual de 240 Hz en 4K e 480 Hz en Full HD, podendo mudar entre ambos modos de funcionamento cun simple clic.
Este impresionante monitor de 32 polgadas tamén presume dunha resposta de 0,03 milisegundos (eliminando o desenfoque de movemento), ten marcos mínimos e incluso integra altofalantes con soporte de DTS Virtual:X agochados detrás do seu panel OLED.
A este monitor acompáñanos un par de modelos curvos, o 34GS95QE e o 39GS95QE, que chegan con pantallas de 34 e 39 polgadas respectivamente, panel cunha curvatura de 800R, cunha resolución de 3.400 x 1.440 píxeles e recubrimento anti-reflexos.
Completan esta oferta de monitores os modelos 27GS95QE, 45GS95QE e 45GS96QB, con certificación VESA DisplayHDR True Black 400 (ou sexa, con grande brillo e contraste, así como uns negros moi profundos). O 27GS95QE está destinado a espazos limitados, mentres que os modelos de 45 polgadas achegan unha experiencia moi inmersiva grazas ao seu panel con curvatura 800R, que no caso do 45GS96QB está mellorada polos altofalantes integrados.
Aínda non se sabe cando chegarán os novos monitores ao mercado, pero dadas as súas especificacións non se espera que sexan precisamente económicos, pois sitúanse entre os mellores que pode ofrecer o mercado.

PUBLICIDADE