LG presenta o primeiro smartwatch con Android Wear e conectividade móbil

xoves, 1 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Un dos fabricantes que máis está a apostar por Android Wear é LG, e para demostralo presenta hoxe a segunda edición do LG Watch Urbane, que será o primeiro smartwatch con Android Wear en incorporar conectividade móbil, ou sexa, que aparte de Wi-Fi e Bluetooth, tamén pode conectarse por 3G e 4G, permitindo que o usuario poidan manterse conectado incluso cando non leve o smartphone enriba (por exemplo, durante a práctica de deporte).
O LG Watch Urbane conta cunha pantalla P-OLED circular de 1,38 polgadas cunha resolución de 480 x 480 píxeles, que integra unha batería de 570 mAhe modo de aforro de enerxía para poder levar a súa autonomía a máis dun día completo.
Este reloxo de pulso cun formato bastante tradicional conta con tres botóns no seu lateral dereito que serven de acceso directo aos contactos, a LG Health e a unha listaxe de aplicacións. O seu modo de ambiente pode activarse/desactivarse cunha simple pulsación no seu botón de coroa e incluso conta con 16 esferas e prestacións orientadas á práctica deportiva (como monitorización do pulso e seguimento da intensidade da nosa actividade física).
O novo smartwatch chegará inicialmente a Corea do Sur e EE.UU., para comercializarse logo en todo o mundo, dándose máis detalles sobre o mesmo nas vindeiras semanas. Aínda que polo momento non temos moitos detalles sobre as limitacións que terá o modo de funcionamento do smartwatch a través de redes móbiles, dende LG xa adiantan que serán diferentes de usarmos un smartphone Android ou un iPhone (móbil co que tamén será compatible este elegante e versátil reloxo).

Vídeo promocional do novo LG Watch Urbane

PUBLICIDADE