LG presenta o primeiro televisor OLED 8K do mundo

martes, 3 de setembro do 2019 Marcus Fernández

LG inicia este mes a comercialización do primeiro televisor OLED 8K do mundo (modelo 8829) e do seu televisor NanoCell 8K (modelo 75SM99), co que o fabricante surcoreano consegue colocarse entre os primeiros postos desta tecnoloxía de televisores que buscan un lugar no mercado pese á ausencia de contidos 8K.
Os novos televisores 8K de LG prometen un grande nivel de detalle e unhas cores moi realistas, congregando nun único panel 16 veces o número de píxeles dun televisor Full HD.
No caso do televisor OLED 8K temos un panel de 88 polgadas case sen marcos, acompañado por un soporte de aluminio cepillado e un sistema de altofalantes de 80 watts, mentres que o televisor NanoCell 8K limita o tamaño do panel a 75 polgadas, pero mantendo a resolución de 7.680 x 4.320 píxeles.
Ambos televisores gozan de Cinema HDR, combinando Dolby Vision e HDR avanzado até 4K e HLG e HDR 10 até 8 K, o que garante unhas sesións de visionado cinematográfico espectaculares. Soportan a especificación HDMI 2.1, de xeito que poderán recibir vídeo 8K até a 60 imaxes por segundo. Tamén son compatibles con AirPlay 2 e HomeKit en 140 países, integran o Asistente de Google e Alexa en varios territorios, facilitando o control do televisor e dos dispositivos de electrónica do fogar mediante a voz.

JPEG - 204.5 KB
O televisor LG NanoCell 8K ten un panel de 75 polgadas

PUBLICIDADE