LG presenta o seu primeiro portátil gaming

luns, 20 de decembro do 2021 Marcus Fernández

A liña UltraGear de LG xa non se limita a monitores orientados a videoxogos, senón que agora o fabricante surcoreano tamén venderá portátiles baixo esa marca, comezando polo modelo 17G90Q que poderá verse en breve no CES de Las Vegas.
O portátil gaming LG UltraGear contará cun procesador Intel de 11ª xeración, gráfica nVIDIA GeForce RTX 3080 Max-Q, pantalla IPS de 17,3 polgadas cunha resposta de 1 milisegundo e refresco de 300 Hz, e un sistema de refrixeración baseado en cámara de vapor para poder manter o equipo a unha temperatura moderada cando se lle esixa o seu mellor desempeño.
Este equipo adopta un deseño fino (21,4 milímetros), cunha grande pantalla e cunha batería de 93 Wh, que non chega aos 2,7 quilos de peso. O seu acabado busca transmitir a impresión de que estamos ante un produto de premium, e incluso coida detalles como que o seu teclado ten retroiluminación RGB en cada tecla, os seus altofalantes soportan DTS:X Ultra, e o seu botón de acendido integra lector de impresións dixitais. Tamén inclúe webcam Full HD con dobre micrófono, lector de tarxetas microSD, conector Ethernet, saída HDMI e varios portos USB de distinto formato.
Polo momento non adiantaron a data e o prezo de lanzamento deste impresionante ordenador portátil.

Mantendo un perfil fino, o novo portátil de LG incorpora as características propias dun portátil gaming

PUBLICIDADE