LG presenta un concepto de televisor persoal e portátil

mércores, 15 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Pensando nos distintos xeitos de consumir contidos televisivos dende LG están a traballar en novos conceptos para incorporar os seus produtos ás nosas vidas, chamando bastante a atención o televisor LG StanbyME, que diferenciaríase dunha pantalla tradicional ao incorporar batería para até 3 horas de uso e nun soporte con rodas que podería levarse comodamente dunha habitación para outra, polo que poderiamos velo como unha especie de tableta que non hai que suxeitar cos brazos.
Esta pantalla de 27 polgadas serviría para ver películas, series de televisión e contidos en streaming, pero tamén podería resultar práctica para a realización de videoconferencias (conta cun espazo para colocar o móbil sobre a pantalla e así usalo como cámara). O seu soporte permite rotar a pantalla e inclinala, buscando así que poida empregarse na cociña, no sofá, na cama... sempre de xeito cómodo e coa posibilidade de presentar contidos achegados dende o móbil, aínda que tamén hai a posibilidade de conectar a pantalla a un ordenador portátil (por cable USB ou HDMI ou sen fíos).
O LG StanbyME podería controlarse mediante o seu mando a distancia, de xeito táctil ou tamén mediante xestos, e poderá verse en xaneiro no CES de Las Vegas, sendo aínda unha incógnita se chegaremos a velo no mercado.

O LG StanbyME está pensado para colocarse en distintos puntos do fogar para un consumo de contidos puntual

PUBLICIDADE