LG presenta un lector de pegadas que funciona tras a pantalla do móbil

luns, 2 de maio do 2016 Marcus Fernández

Os sensores de pegadas dixitais están a converterse nun estándar na telefonía móbil, coa vista posta en boa medida nos pagamentos seguros dende o smartphone, e aínda que hai fabricantes que optan por colocar o sensor na parte traseira dos terminais para facilitar o seu uso e evitar que incrementen esaxeradamente as dimensións dos dispositivos, existe agora unha nova solución para as compañía que queiran colocar o sensor no frontal do móbil, que chega da man de LG Innotek, compañía que desenvolveu un módulo sensor de pegadas dixitais que é capaz de funcionar tras a pantalla do teléfono (polo que non incrementaría o alto do dispositivo).
Dende LG Innotek destacan que o seu módulo dá liberdade ao deseño dos smartphones, á vez que tamén pode aproveitar as proteccións contra a auga e as rabuñaduras que teñen moitas pantallas de móbiles. O sensor en cuestión ten só un grosor de 0.3 milímetros, polo que pode colocarse sen que se note tras a pantalla do teléfono, facendo posible o deseño sen botóns físicos desexado por moitos.
LG Innotek tamén desenvolveu un adhesivo para pegar o sensor ao cristal da pantalla e lembra que a consultora IHS estima que até 2015 o número de sensores dixitais vendidos chegou aos 499 millóns, confiándose en que o número chegue a 1.600 millóns de unidades en 2020, de aí que o desenvolvemento desta tecnoloxía pareza unha aposta segura.

PUBLICIDADE