LG presenta un monitor IPS 21:9

xoves, 8 de novembro do 2012 Marcus Fernández

As proporcións dos televisores foron mudando co tempo, e así pasamos do formato 4:3 ao 16:9 (panorámico) con certa normalidade, pero o formato cinematográfico aínda é máis apaisado (21:9) o que leva a algúns fabricantes a comercializar dispositivos con esas proporcións, como fixera Philips cun televisor de auténtico luxo e fai agora LG co seu monitor EA93, que adopta este formato ultra ancho, cun panel IPS que busca maximizar a produtividade ao traballar no ordenador, de xeito que cunha pantalla poderiamos ter unha experiencia semellante á de usar 2 monitores á vez.
O LG EA93 chega nun tamaño de 29 polgadas, con funcións como a de dividir a pantalla en 4, para poder desenvolver varias tarefas á vez, o que pode resultar de grande utilidade para deseñadores gráficos ou profesionais do vídeo, que non terán que enredar con varios monitores (coa complexidade que supón igualar a súa configuración de imaxe para que as cores se vexan igual).
Resulta evidente que o LG EA93 tamén é moi axeitado para a reprodución de películas, contando cunha resolución de pantalla de 2.560 x 1.080 píxeles, un ángulo de visión en horizontal e vertical de 178 graos, 1 porto dual DVI-D, 2 portos HDMI ( MHL), 4 portos USB 3.0, 1 Display Port, unha toma VGA, entrada de audio, saída de auriculares e altofalantes de 7 W cada un. Chegará inicialmente ao mercado surcoreano a un prezo de 690.000 wons (496,33 euros).

PUBLICIDADE