LG presenta un monitor con relación de aspecto 16:18
mércores, 22 de decembro do 2021
De cara ao CES de Las Vegas dende LG sempre adiantan
produtos que veremos no mercado nos vindeiros meses, entre os que está a chamar
poderosamente a atención un monitor cunha relación de aspecto fóra do normal, o
LG
DualUp Monitor (modelo 28MQ780).
Estamos ante un monitor cunha relación de aspecto de 16:18, ou sexa, que equivale
a colocar dous monitores de 21,5 polgadas xuntos, pero en vertical en vez de en
horizontal, presentando unha resolución de 2.560 x 2.880 píxeles no seu panel Nano
IPS cun brillo de 300 nits e soporte de HDR10. Tamén integra un par de
altofalantes MAXXAUDIO de 7 watts cada un.
O curioso formato do LG DualUp Monitor busca mellorar a produtividade en certos
escritorios informáticos, conseguindo unha experiencia semellante a unha
configuración multi-monitor pero evitando que o usuario teña que mover o
pescozo para mirar ás distintas pantallas, o que confían que axude a mitigar certas
dores posturais.
O monitor conta con 2 portos HDMI, 1 porto DisplayPort e un concentrador USB,
sendo capaz de achegar até 96 watts por USB-C.
- O novo monitor equivale a dous monitores de 21,5 polgadas colocados un sobre o outro