LG presenta un novo smartphone con batería de 4.500 mAh
venres, 24 de febreiro do 2017
Como anticipo da nova edición do Mobile World Congress de
Barcelona LG anuncia un novo smartphone que para moitos sería máis atractivo
que o teléfono insignia da marca, xa que o LG
X power2 sería un terminal deseñado para contar cunha pantalla de grande
tamaño e unha batería de grande capacidade, para garantir unha autonomía
extraordinaria.
Dende LG aseguran que a batería de 4.500 mAh do LG X power2 podería permitir
que o móbil funcionase durante unha fin de semana completa cunha única carga,
sendo capaz de reproducir vídeo ata 15 horas seguidas ou navegar pola web unhas
18 horas, o que non afectaría negativamente ao tempo de carga, xa que a
tecnoloxía de carga rápida deste terminal permitiría unha carga completa nun
par de horas, aínda que nunha hora xa se conseguiría capacidade dabondo para
funcionar todo o día.
Este novo smartphone conta cunha pantalla de alta definición de 5,5 polgadas
mellorada para unha boa lectura en exteriores, a súa cámara traseira de 13
Mpíxeles presume de grande velocidade, a súa cámara frontal de 5 Mpíxeles
aposta por un grande angular para que non sexa preciso empregar un pau de selfie para fotografías de grupo e
incluso conta con software de cámara con disparo automático cando detecte unha
cara ou mediante xestos, evitando a vibración propia de pulsar o botón de
disparo que tende a mover as instantáneas.
En calquera caso, estamos ante un terminal de gama medio que pretende ser
bastante asumible para o peto, como deixan ver claramente as súas
especificacións, pois este teléfono funciona con 1.5/2 GB de RAM, 16 GB de
almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 2 TB), LTE,
Wi-Fi N, USB 2.0, Bluetooth 4.2 e sistema operativo Android 7.0, que ten un
grosor de 8,4 milímetros, un peso de 164 gramos carcasas con acabados en catro
cores diferentes (negro, titán, ouro e azul).