LG presenta un proxector con forma de lámpada de pé

venres, 3 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

LG quere sorprender no CES de Las Vegas co seu novo proxector modelo PF600U, que busca facerse cun lugar no fogar grazas á súa proposta combinada de proxector, altofalante Bluetooth e lámpada LED de ambiente.
Este produto está inspirado nunha lámpada de pé, pero integra un proxector Full HD cun brillo de 300 lumenes ANSI (ou sexa, que precisa dun ambiente escuro para operar) e incorpora tamén webOS (de xeito que conta coas aplicacións propias dun Smart TV para recibir os contidos sen fíos).
O proxector conta tamén con altofalantes estéreo para ofrecer un son inmersivo, e a súa luz ambiental pode iluminar o espazo con 9 cores e 5 niveis de brillo. Unha novidade que chegará ao mercado coa intención de converterse nun referente de integración no fogar.

O proxector ten un brillo reducido, pois está deseñado para un uso a escuras