LG presenta un tablet con conectividade LTE

mércores, 18 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

LG Electronics desvelou oficialmente o seu primeiro tablet con conectividade 4G, o Optimus Pad LTE, que inicialmente chegará ao mercado surcoreano e que tamén destaca por contar cunha pantalla IPS de alta definición (1.280 x 720 píxeles) cunha diagonal de 8,9 polgadas. Este dispositivo tamén conta cunha cámara de 8 Mpíxeles capaz de gravar vídeo en alta definición (xunto con outra cámara de 2 Mpíxeles para videoconferencia) e permite ampliar a súa capacidade de almacenamento interna mediante tarxetas microSDHC de ata 32 Gb.
Máis concretamente podemos dicir que o LG Optimus Pad LTE funciona con Android 3.2, un procesador Qualcomm de dobre núcleo a 1,5 GHz, batería de 6.800 mAh, saída HDMI, unhas medidas de 245 x 151,4 x 9,34 milímetros e un peso de 497 gramos. Chegará ás tendas coreanas a vindeira semana a un prezo de 880.000 wons (601,25 euros).

PUBLICIDADE