LG propón o uso de tecnoloxía Micro LED para levar un cine de luxo ao fogar

luns, 20 de outubro do 2025 Redacción

LG Electronics anunciou o lanzamento do LG Magnit Active Micro LED, a súa máis recente innovación en pantallas de cine doméstico, que incorpora tecnoloxía Active Matrix para un control ultrapreciso de cada píxel, o que supón un salto de calidade moi importante no ámbito doméstico, aínda que inicialmente teña prezos prohibitivos.
O lanzamento deste produto realízase esta semana en Corea do Sur, para chegar posteriormente a outros mercados. A súa pantalla de 136 polgadas (uns tres metros de ancho e 1,7 de alto) ofrece resolución 4K e unha relación de contraste de un millón a un, o que garante unha inmersión visual sen precedentes.
A tecnoloxía Active Matrix permite que cada píxel xere a súa propia luz, o que se traduce nun nivel de detalle fino e nunha calidade de imaxe de ultra alta definición. Ademais, o tratamento superficial desenvolvido por LG intensifica os negros e minimiza o impacto da luz ambiente, mellorando a fidelidade cromática. O deseño modular e perfectamente aliñado reduce as separacións entre paneis para crear unha superficie continua.
O sistema de son integrado, con altofalantes a ambos lados, ofrece audio envolvente de 4,2 canles cunha potencia total de 100 watts. O panel está impulsado polo procesador α9 de sexta xeración con intelixencia artificial, que analiza o contido e optimiza cada escena reducindo ruído, mellorando a claridade e recoñecendo rostros, obxectos, textos e fondos para ofrecer imaxes máis naturais e detalladas. A taxa de refresco de 144 Hz garante unha reprodución fluída, ideal para xogos e contidos deportivos.
O sistema operativo webOS de LG facilita o acceso a servizos como LG Channels e outras aplicacións de vídeo baixo demanda e xogos. A través de LG Gallery+, os usuarios poden converter a pantalla nunha galería personalizada con cadros ou ilustracións dixitais, e tamén é posible reproducir contido mediante AirPlay 2 e Miracast desde dispositivos iOS ou Android.
O LG Magnit Active Micro LED é compatible con Dolby Vision e conta coa certificación Color Consistency Wide Viewing de TÜV Rheinland, que garante unha reprodución cromática uniforme mesmo en pantallas de gran tamaño.
LG prevé evolucionar este modelo cara a unha solución de parede de vídeo totalmente escalable, reforzando así a súa presenza no mercado profesional, que na súa forma actual permite achegar ao fogar unha experiencia cinematográfica incomparable.