LG recupera o concepto de smartphone curvo

mércores, 7 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

O teléfono curvo que o ano pasado presentou LG estaba considerado como un experimento que era evidente ao ver as poucas unidades que chegaron ao mercado, pero finalmente parece que o produto atopou un oco no mercado e este curioso concepto convenceu como para que se animasen a lanzar unha nova xeración do terminal. Temos así que a compañía surcoreana está a amosar no CES de Las Vegas o LG G Flex2, unha importante mellor do smartphone anterior, que non só actualiza as súas prestacións, senón que tamén adapta o seu tamaño (reducindo lixeiramente a pantalla) para conseguir un uso máis confortable.
O LG G Flex2 ten unha pantalla Full HD de 5,5 polgadas (o que supón un salto dos 245 puntos por polgada do modelo anterior aos 403 puntos por polgada), funciona cun potente procesador Qualcomm Snapdragon 810 de 64 bits e 8 núcleos, gráfica Adreno 430, 2 Gb de RAM, 16/32 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante microSD), cámaras de 13 e 2,1 Mpíxeles (con enfoque automático láser na súa cámara traseira), LTE de última xeración, Wi-Fi AC, NFC, Bluetooth 4.1 e batería de 3.000 mAh. Funciona con Android 5.0, o seu grosor está entre os 7,1 e 9,4 milímetros e o seu peso é de 152 gramos.
Este novo terminal adopta unha forma curva para conseguir unha mellor ergonomía ao aproximar o micrófono á boca do usuario; a súa pantalla P-OLED non só mellorou en resolución, senón que tamén inclúe un tratamento químico que a fai aínda máis resistente; e tamén está equipado con software para facelo aínda máis amigable para o usuario: Gesture Shot (para poder disparar fotografías mediante un xesto da man recoñecible até a 1,5 metros de distancia, buscando facilitar a toma de auto-fotos), Gesture View (que fai doado ver unha fotografía despois de tomala), Glance Vew (que amosa información importante como últimas mensaxes ou chamadas perdidas con só facer un xesto sobre a pantalla incluso cando estea apagada) e Fast Charge (sistema de carga rápida que permite recargar até o 50% da batería en menos de 40 minutos).
O LG G Flex2 chegará a finais de mes ao mercado surcoreano, para comercializarse máis adiante no resto do mundo en cor prata platino e vermello flamenco.

PUBLICIDADE