LINK dotará de funcións de smartwatch ás correas de reloxos tradicionais

martes, 3 de maio do 2016 Marcus Fernández

Para os usuarios que desexen gozar dun smartwatch pero non queiran sacrificar o seu reloxo de pulso tradicional Kairos presentara hai máis dun ano unha solución que consistía en introducir a parte smart da correa do reloxo, e agora é a xente de Wearatec a que retoma a idea con LINK, un accesorio que pode instalarse na correa de practicamente calquera reloxo de luxo, xa que adopta a forma dunha fibela, de xeito que a súa integración resulta natural, á vez que tamén sitúa a pantalla de información nunha posición cómoda (na cara interior do pulso). Aínda que o accesorio está deseñado para a súa instalación en correas metálicas, tamén será posible adquirir o LINK con correas de coiro.
Este produto pretende ver a luz no mes de decembro, para o que buscan xuntar 50.000 dólares en Indiegogo, sendo actualmente posible facerse cun LINK polo prezo promocional de 249 dólares (214,82 euros) máis gastos de envío (asegurando que cando chegue ao mercado o seu prezo de venda sería de 449 dólares) e serviría para recibir notificacións, mensaxes de texto, alertas de calendario, correos electrónicos... así como poder enviar respostas rápidas, ou sexa, as funcións básicas dun smartwatch, ás que engaden a posibilidade de aproveitar o accesorio como solución de control remoto, monitor de actividade física, sistema de pagamento sen contacto (NFC e incluso micrófono sen fíos (para poder dar ordes ao smartphone ou ditar textos).
Un produto moi completo, que integrará unha pantalla PMOLED curva e táctil de 40 x 16 milímetros, procesador ARM Cortex M7 a 200 MHz con 320 KB de memoria volátil e 4 MB de memoria flash, xiroscopio, acelerómetro, Bluetooth 4.1, monitor cardíaco óptico, NFC, micrófono dixital e batería de 110 mAh (cunha autonomía de entre 1 e 2 días).

LINK conta con NFC, o que permitiríalle facilitar os pagamentos móbiles

Vídeo promocional da campaña en Indiegogo de LINK

PUBLICIDADE