La Caixa experimenta con caixeiros que identifican ós clientes a través das súas mans

luns, 21 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

As películas e os libros de ciencia ficción poden servir para albiscar con que faces se nos vai presentar o futuro, para facer de adiviños do tecnolóxico. Ás veces, como no caso concreto da tecnoloxía posta en marcha por Fujitsu e La Caixa en Barcelona, semella que a ciencia imita á arte máis do que estaría disposta a recoñecer. De feito, os empregos que se lle teñen dado na ficción ó recoñecemento biométrico a través da palma da man son tantos e tan útiles e variados que semella que ós científicos non lles quedaba máis remedio que levalos á realidade. Nisto consiste a proba piloto que se está a desenvolver en Barcelona: en achegar ós cidadáns unha tecnoloxía nos caixeiros que permite a operatividade e o previo recoñecemento do usuario a través da súa man.
O sistema, que precisou de dúas décadas de traballos na devandita firma xaponesa para chegar a esta versión estable, baséase na identificación das venas da man do cliente que, como acontece coas pegadas dactilares, presentan estruturas únicas para cada persoa.
Segundo apunta Fujitsu, a tecnoloxía funciona mediante o reflexo de raios infravermellos na palma da man, que rexistran unha imaxe de cor negra. O usuario só terá que pousar a man enriba do escáner sen chegar realmente a tocalo. Este sistema concreto, que non substitúe á identificación tradicional co número PIN senón que vai orientado a complementalo, ofrece (sinala Fujitsu) elevados índices de seguridade.
Así, puntualiza a firma, as posibilidades de que alguén diferente do cliente autorizado poida ser erroneamente identificado acadan unhas porcentaxes do 0,00008%.

PUBLICIDADE