La Neurona e o encontro ADN Pemes Galicia xuntaron un centenar de pemes arredor da dixitalización

venres, 23 de outubro do 2020 Sonia Pena

Este 21 de outubro celebrouse virtualmente o encontro ADN Pemes Galicia, unha xornada empresarial organizada por La Neurona que xuntou un centenar de asistentes arredor de mesas redondas e relatorios sobre novas tecnoloxías e transformación e, sobre todo, arredor das persoas que fan (e usan) esas novas tecnoloxías e protagonizan esa transformación. O encontro tivo o obxectivo de impulsar as pequenas e medianas empresas neste escenario de incerteza no que estamos mergullados.
O congreso dixital comezou coa benvida do director executivo de La Neurona, Miguel Ángel Robles, quen agradeceu a todos os participantes o apoio a “este proxecto defensor das pemes”. A primeira parte da sesión centrouse en analizar a xestión financeira e as súas alternativas.
Antoni Ramis, responsábel de mercadotecnia do Grupo Juaneda, explicou as distintas opcións de financiamento existentes e destacou o papel dos responsábeis de marketing (CFO) no contexto actual: “Agora os financeiros son as estrelas do equipo”.
Pola súa banda, Lorenzo Escobar, CFO do Grupo Lledó, puxo o foco na importancia que as persoas teñen no proceso de transformación dixital da área financeira e de toda a compañía, determinando o éxito dese proceso de transformación.
Ignacio Castroverde de Cisco e Isidro Velis de EKON fixeron fincapé na necesidade de automatizar tarefas, simplificar procesos e controlar a empresa, destacando tamén até que punto “a aplicación de tecnoloxía contribúe a mellorar todos estes procesos”. Ao seu xuízo, “as pemes necesitan máis ca nunca estar en contacto cos seus clientes e os seus provedores, polo tanto precisan solucións tecnolóxicas que lles faciliten ao máximo esta relación”.
Outra das relatoras da xornada, Yolanda Blázquez, visualizou os tres grandes piares da innovación, que son converxencia, conectividade e cultura, e Fernando Martín, de Aertec Solutions falou das claves para captar clientes, centrándose en tres: as persoas, o tempo e a contorna.
Na xornada tamén participou Samuel Méndez, de Bee Digital, quen lembrou que “os hábitos de compra dos clientes mudaron radicalmente e víronse obrigados a desenvolverse na contorna online”. Tamén deu algunhas claves fundamentais para saírmos ao paso desta transformación nos hábitos, entre as que se atopan mellorar a experiencia de usuario, xerar contido de calidade ou ter unha web responsive que se adapte aos dispositivos móbiles.
Ana Ubero de Fundae, explicou algunhas das claves para acceder á formación bonificada para o desenvolvemento profesional dos empregados das pemes. E para finalizar Eugenio de Andrés, socio-director de Tatum, pechou o evento online falando de xestión de persoas en contornas de gran incerteza e deu consellos aos asistentes virtuais: “Esta crise non a imos a pasar se só pomos o foco nos obxectivos. Hai que incluír ás persoas”.

PUBLICIDADE