La Princesa Prometida estrea videoxogo móbil oficial
venres, 9 de xaneiro do 2015
Poucas películas de éxito limitado deixaron unha pegada tan
profunda como La Princesa Prometida,
que chegou a converterse en todo un clásico moderno polo seu xeito de narrar aventuras
propias dun conto, e pese a que xa hai moitos anos da estrea do filme, chega
agora o seu videoxogo
oficial, inicialmente para iOS, e máis adiante tamén para Android (a través de Google Play e da Amazon Appstore).
Esta produción de Gameblend Studios pode xa mercarse por
3,99 euros na App Store, e recolle nunha única aplicación catro mini-xogos
con aparencia de debuxo animado nos que teremos que sobrevivir ao ataque de
perigosas anguías, escalar un cantil, medir a nosa espada coa de Íñigo Montoya
e loitar corpo a corpo contra o icónico xigante do filme. Cada xogo ten unha
táboa de clasificación única, desafíos e premios, e permite desbloquear imaxes
e cortes sonoros da película. Tamén é posible pagar para desbloquear todos os
contidos adicionais de vez. O xogo recibirá un par de mini-xogos adicionais mediante
actualizacións de balde.
- No xogo non falta o clásico enfrontamento con Íñigo Montoya
Trailer do xogo