La Reina del pueblo e Mataría, grandes vencedoras da oitava edición do Carballo Interplay

luns, 13 de setembro do 2021 S. P.

Entrega do premio por Mataría

A nova edición do festival Carballo Interplay rematou este sábado entregando os premios desta convocatoria e reivindicando os novos xeitos de crear e difundir audiovisual que nos abren, de maneira máis aberta, colaborativa, dinámica e interactiva, as novas ferramentas tecnolóxicas. A oitava edición do certame (que viña celebrándose dende o mércores 8 en Carballo e máis na Rede, a través de streaming) pechou o pano de fondo coa gala de entrega de premios ás mellores series web na que triunfaron a revisión post-millennial do costumismo castizo La Reina del pueblo e o humor repugnante servido en cómodas doses de Mataría.
O xurado composto por David Pareja, Henar Álvarez, Fer Epelde, Sara Varela e David Fidalgo outorgou a La reina del pueblo os premios a Mellor serie estatal, dotado con 800 euros e trofeo, e Mellor guión, para Raúl Navarro, dotado con 200 euros e trofeo.

O director de La Reina del Pueblo recollendo as súas dúas distincións

O de Mellor serie en versión orixinal en galego, dotado con 800 euros e trofeo, foi para Mataría, que tamén recibiu o do público.
O premio para Mellor serie internacional, dotado con 800 euros e trofeo, foi para a comedia épica dende o interior dun videoxogo Mortal Glitch e o de Mellor dirección, dotado con 200 euros e trofeo, para Beatriz Abad por Riders.
O xurado novo, composto por Sara Riveiro, Lúa Pagán e Tania Prieto decidiu outorgar o seu premio, dotado con 400 euros e trofeo, a Psicóticas Inseguras, unha comedia xeracional chilena feminista, subversiva e terapéutica.
Recoñecemento galego
Reunido en Carballo o xurado composto por Lucía Estévez, Javi Camino, Andrea Villa e Xose Regueira decidiu outorgar o Premio ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 3.000 euros para a produción dos tres primeiros capítulos, a Pringadas, de Belén Puime, pola necesidade de contidos en galego enfocados á xeración Z, por afondar e conectar coa súa realidade e pola liberdade dunha proposta que fuxe dos estereotipos. A serie estrearase na próxima edición do Carballo Interplay.
Palmarés
Mellor serie estatal, dotado con 800 euros e trofeo, para La reina del pueblo
Mellor serie internacional, dotado con 800 euros e trofeo, para Mortal Glitch. Recolle Bastiaan Manitveld
Mellor serie en versión orixinal en galego, dotado con 800 euros e trofeo, para Mataría. Recolle Javier Seoane
Premio do xurado novo, dotado con 400 euros e trofeo, para Psicóticas Inseguras. Recolle Pamela Bravo
Premio do público, dotado con 400 euros e trofeo, para Mataría
Premio a mellor guión, dotado con 200 euros e trofeo, para Raúl Navarro por La reina del pueblo
Premio a mellor dirección, dotado con 200 euros e trofeo, para Beatriz Abad por Riders
Premio ao mellor proxecto a serie web en galego para Pringadas, de Belén Puime

PUBLICIDADE