LaCie presenta novas unidades externas rápidas e resistentes

venres, 13 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Os profesionais do vídeo para os seus traballos de campo precisan sistemas de almacenamento rápidos e resistentes, e para atender a tal demanda presentan a LaCie Rugged SSD Pro, unha unidade de almacenamento cun exterior reforzado para aturar golpes e caídas, que no seu interior conta cunha unidade SSD NVMe FireCuda de Seagate, que grazas á conectivdade Thunderbolt 3/USB 3.1 consegue velocidades de almacenamento de até 2.800 MB/seg.
Este tipo de unidades resultan ideais para profesionais que traballen con vídeo de 6K ou 8K, cos que pode traballarse directamente dende a unidade externa. O reforzamento da unidade tamén é unha garantía para non perder datos no transporte, xa que estas unidades incluso contan con protección IP67. Como exemplos de resistencia deste tipo de unidades comentan que poderían sobrevivir ás rodas dun vehículo de dúas toneladas, a caídas de até 3 metros de altura e a inmersión en auga a un metro de profundidade até 30 minutos.
Estas novas unidades SSD rápida e reforzadas estarán dispoñibles en tamaños de 1 e 2 TB a prezos de 399,99 e 699,99 dólares respectivamente.

Vídeo promocional das novas unidades externas reforzadas de LaCie

PUBLICIDADE