Lalín activa as súas novas redes públicas sen fíos: unha para o Arena e outra para a Biblioteca

xoves, 11 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

JPEG - 221.6 KB
O Lalín Arena nunha imaxe da Galipedia

Segue adiante a estratexia activa de Lalín para converterse en vila smart: eficiente, sustentábel, mellor xestionada, participativa e conectada. O máis recente paso neste sentido ten que ver coas conexións sen fíos á Rede, que o Concello vai facer chegar a dous importantes inmóbeis públicos do termo municipal: o Lalín Arena e máis a Biblioteca Municipal. Os novos equipamentos, que se activan este venres 12 en modo de probas, darán cobertura aos dous edificios e a súa contorna.
A iniciativa prolonga e impulsa o servizo de cobertura Wi-Fi iniciado hai anos polo Concello, mellorando (agora) súas prestacións e asentándose definitivamente grazas ao Plan Smart City Lalín, que inclúe entre os seus eixos de acción a posta en funcionamento de redes públicas sen fíos, gratuítas e seguras, en edificios municipais e os espazos lindeiros.
As redes Wi-Fi do Lalín Arena e da Biblioteca Municipal actívanse esta fin de semana, entre outras cuestións pola gran cantidade de actividades lúdico-culturais que vai albergar Lalín, como por exemplo a Feira do Cabalo, que, segundo informa o Concello, “reunirá moito público nos arredores do Arena e que polo tanto xa poderá probar as novas conexións”. Unha vez probado e validado o servizo, activarase de xeito definitivo e estenderase a outros edificios e zonas públicas municipais como o Auditorio.
O Concello anima aos cidadán a conectarse a partir de mañá ás novas redes de conexión sen fíos, que servirán, tamén, para proporcionar a conectividade que se precisa entre os os sistemas incluídos no proxecto Smart City e a súa plataforma central de control. Este proxecto implicará igualmente unha mellora da seguridade no sistema de conexión Wi-Fi que será “moi potente”, explica o Concello, e que funcionará baixo o sistema firewall, que “permitirá garantir a seguridade de todas as redes do Concello de Lalín”.
Os traballos están a ser despregados pola operadora Vodafone, adxudicataria do proxecto local.

PUBLICIDADE