Lalín e a contorna de Vigo acollen unha ducia de obradoiros SmartPEME

luns, 22 de xaneiro do 2018 Redacción

A rede SmartPEME da Deputación de Pontevedra comezou o ano con forza. Amais dos obradoiros dados a coñecer a semana pasada para Cambados e Pontevedra, catro obradoiros en cada sede (oito en total), estes días puidemos saber de once actividades máis para o que resta de xaneiro nas sedes de Lalín e nas da comarca de Vigo. En total, serán tres novos cursos sobre novas tecnoloxías profesionais para Lalín e oito para a contorna viguesa (catro en Vigo, dous en Ponteareas e dous no Porriño). Como lembraremos, SmartPEME é a rede TIC de formación e asesoramento impulsada pola Deputación de Pontevedra, a rede SmartPEME (con sedes operativas en Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados, Lalín e, a partir de datas vindeiras, tamén na Estrada).
Respecto de Lalín, o Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 acollerá, durante o que resta de mes de xaneiro, tres novos obradoiros ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra. Estes cursos, todos eles en horario de 19:00 horas, terán como seguinte evento Fotografía e vídeo para establecementos de turismo e hostalería, este luns 22 de xaneiro. Logo, o xoves 24 organizarase o obradoiro Google Calendar, moito máis que unha axenda. Por último, o mércores 31 de xaneiro desenvolverase a actividade formativa Guía de boas prácticas para redes sociais.
As quendas na oficina de Vigo desenvolveranse o martes 23 de xaneiro, co curso Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais. A mesma semana, o venres 26 de xaneiro, Vigo acollerá o obradoiro Woocommerce II-A solución para vender por internet. Por último, o martes 30 de xaneiro, as persoas interesadas poderán asistir ao obradoiro de Aprende a promover a túa empresa con Pinterest. A oficina SmartPEME de Vigo, na Sede da Deputación da cidade, atópase na rúa Oporto, núm. 3. Os catro obradoiros comezarán ás 19 horas.
Pola súa banda, a oficina de Ponteareas acollerá o venres 26 de xaneiro o curso O ámbito das novas tecnoloxías e RRSS no sector turístico. O mércores 31 de xaneiro, celebrarase o obradoiro Colabora co teu equipo dun xeito máis sinxelo. A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, núm. 5. Todos os cursos tamén comezarán ás 19 horas.
Por último, a oficina do Porriño acollerá o martes 23 de xaneiro Ferramentas de Google para a promoción de negocios locais e para rematar, o luns 29, o obradoiro Mide os teus obxectivos en redes sociais: Análise de estatísticas. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro do Concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
O Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE