Lalín lanza web para avanzar en sustentabilidade e xestión smart

venres, 8 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Esta semana presentouse no consistorio de Lalín a nova páxina web da iniciativa Lalín Ssuma 21, ssuma21.lalin.gal, a estratexia de sustentabilidade local, concibida como “unha ferramenta útil e visual con toda a información sobre a estratexia e con caixas de correo de participación”. Na cita cos medios participaron o tenente de alcalde e coordinador da estratexia, Nicolás González Casares, o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Tomás Vilariño, e o encargado de deseñar o portal, o lalinense Daniel González, pertencente á empresa Dezapps.
González Casares explicou que “se trata dunha páxina web que foi deseñada adaptándose aos requisitos de Europa, dende onde se marcan unhas esixencias moi determinadas a este respecto, tanto en estrutura como en contidos”. Amais, explicou que o sitio en liña recolle documentación “de maneira totalmente accesíbel”, sendo “de gran utilidade” para calquera cidadán que desexe acceder a información sobre o proxecto.
Pola súa banda, Tomas Vilariño fixo saber que o novo espazo dixital de Lalín foi construído co mesmo software libre que xa se empregou previamente para outros portais municipais. Salientou tamén a súa versatilidade para as esixencias e características de diferentes dispositivos e a claridade da información exposta, cunha estrutura dividida nos propios obxectivos temáticos da estratexia (social, sustentábel, urbano e medioambiental). Vilariño concluíu afirmando que “se trata dunha ferramenta que vai ter moita utilidade e que é visual á par que accesíbel e funcional”.
Para rematar, Daniel González debullou as cuestións técnicas da páxina cunha sesión de navegación pola mesma. Sinalou que “respectando as condicións marcadas dende Europa tentouse deseñar un portal o máis visual e intuitivo posíbel”. Tamén engadiu que na páxina inicial atópanse as últimas novas relacionadas coa estratexia e a información dividida dentro dos obxectivos temáticos nos que se artella Lalín Ssuma 21. Asemade, explicou que a web conta cunha caixa de correos “antifraude” e cunha pestana de participación cidadá onde a cidadanía pode aportar ideas e suxestións.

PUBLICIDADE