Lanzada a 1ª convocatoria de microformacións a demanda das empresa galegas
venres, 30 de agosto do 2024
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración lanzou a primeira convocatoria de microformacións a demanda para atender as necesidades concretas das empresas galegas. A convocatoria inclúe accións formativas dirixidas a persoas traballadoras ocupadas. Cun orzamento de 4 millóns de euros, trátase da primeira vez que se pon en marcha esta iniciativa.
A Consellería lembra que a iniciativa dá un novo pulo á aposta polas experiencias curtas de aprendizaxe, xa que ademais de incentivar a obtención de certificados profesionais (grao C), contempla tamén de xeito decisivo as formacións de curta duración (grao B, certificados de competencia) e mesmo as microformacións (grao A, acreditacións parcial de competencia) co obxectivo de garantir (sen rixidez e de xeito áxil e inmediato) a adquisición de novos coñecementos requiridos polas empresas galegas. “Isto permitirá reforzar a capacitación dos seus traballadores fomentando o seu crecemento profesional e cubrir os perfís relacionados coas competencias e habilidades máis demandadas polo tecido empresarial”, explica a Consellería.
En concreto, gazas a esta convocatoria, unha empresa poderá solicitar, segundo as súas necesidades, unha formación ampla de grao C -de ata 1.000 horas- nun determinado ámbito, podendo fragmentar de xeito máis cirúrxico a súa demanda, optando só por un módulo de entre 200 e 300 horas (grao B) ou mesmo por un bloque concreto incluído nese mesmo módulo, en torno ás 30 ou 40 horas (grao A). Por exemplo, unha entidade do sector TIC poderá requirir para os seus traballadores unha formación específica sobre instalación e mantemento de sistemas domóticos (grao B) ou acotalo aínda máis a unha microacreditación centrada exclusivamente en conectividade dun proxecto destas características (grao A); ou unha compañía do sector naval, demandar un curso sobre documentación técnica para construción e reparación naval ou centrarse unicamente no módulo de deseño 2D e 3D.
A convocatoria realízase en réxime de concorrencia non competitiva. Para poder beneficiarse da axuda, as entidades ou centros de formación acreditados deberán presentar, xunto coa solicitude, un compromiso previo de participación dun número de alumnos mínimo: 10 no caso de formacións presenciais e 15, en modalidade de teleformación. Deste xeito, búscase que a aprobación da contía estea determinada pola demanda efectiva das persoas alumnas participantes de xeito directo.
A contía da subvención por cada acción formativa calcularase en función do alumnado participante, das horas de formación, da especialidade formativa ou da modalidade de impartición, podendo outorgarse ás entidades anticipos do 60%. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o próximo 6 de setembro ata o 31 de outubro de 2024, sendo a data límite para o remate das accións formativas o 30 de novembro.