Lara Méndez entrega os diplomas do obradoiro de emprego TIC desenvolvido en Lugo

martes, 3 de outubro do 2023 S. P.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, e o delegado territorial da Xunta de Galicia, Javier Arias, participou o pasado venres 29 de setembro na clausura do obradoiro dual de emprego Lugo Sostible 5.0, que acolleron as instalacións municipais do CEI Nodus.
A rexedora fixo entrega dos diplomas e felicitou aos 17 alumnos e alumnas que completaron a súa formación no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), a mercadotecnia e a comunicación, “áreas cunha elevada demanda de profesionais”, sinalou, lembrando que o obxectivo do obradoiro foi “mellorar a ocupabilidade de persoas que se atopaban desempregadas, a través da cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral, ao tempo que se dotou ás e aos participantes de coñecementos e destrezas profesionais adaptadas ás necesidades do mercado actual”.
O obradoiro, que se desenvolveu durante o último ano, contou con tres especialidades formativas: Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web; Desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos; e Xestión de mercadotecnia e relacións públicas.
A alcaldesa destacou que “ao tempo que recibiron formación nestes eidos, os e as participantes desenvolveron un intenso traballo para poñer en valor e promocionar a cidade sustentábel que somos, con ferramentas dixitais e contidos multimedia interactivos e audiovisuais”.
Pola súa banda, Mauricio Repetto lembrou que o alumnado, de entre 26 e 69 anos, estivo retribuído co salario mínimo interprofesional. “Agora, trala finalización do obradoiro recibirán un certificado de profesionalidade de Nivel 3, que garante que se atopan en condición de incorporarse ao mercado laboral para ocupar postos de traballo vencellados coa imaxe, a edición dixital, o desenvolvemento de aplicacións multimedia, o desenvolvemento de aplicacións web, a xestión de eventos promocionais, deseño de estratexias de mercadotecnia, etc.”, explicou.
Para facilitar esta incorporación ao mercado, o Concello puxo en marcha incentivos para a contratación do alumnado en empresas do municipio, a través de axudas de 1.500 euros financiadas pola Consellería de Promoción do Emprego. Grazas a estes incentivos xa se facilitou a inserción laboral de 2 alumnos nunha empresa afincada no polígono do Ceao.

PUBLICIDADE