Las Acacias Bot (Vigo) recunca como gañador na First Lego League Galicia

luns, 17 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

As responsábeis de Robotrafics, Segundo Premio Universidade da Coruña

Finalmente a sexta edición da First Lego League Galicia foi un éxito de participación, repercusión e talento. E tamén de participación feminina. Así o fai saber a Universidade da Coruña no seu balance de fitos acadados no evento celebrado este sábado no Auditorio do Ferrol, onde competían 49 equipos (29 na categoría FLL, 14 na FLL Junior e 6 na FLL Junior Discovery) e preto de 370 mozos e mozas de Galicia e Asturias e onde se impuxo finalmente o equipo Las Acacias Bot (Vigo), que, como lembraremos, xa foi o gañador absoluto da anterior convocatoria, o que lle valeu pase para representar a Galicia na final estatal (onte acadou o Primeiro Premio GMV á Estratexia e Innovación).
Por certo que as integrantes de Las Acacias Bot tamén lograron, grazas aos seus éxitos galegos e estatais, a clasificación para a final mundial celebrada en Montevideo (Uruguai), onde acadaron o Terceiro Premio ao Deseño do Robot. Respecto do seu novo éxito, este que veñen de lograr, implica tamén a clasificación para o remate da competición estatal en Tenerife os días 28 e 29 de marzo deste mesmo ano, onde estarán acompañados do equipo Robotrafics, de Captioma Galicia, en Ourense, ao gañar o Segundo Premio Universidade da Coruña.

As novas investigadoras-tecnólogas de Las Acacias Bot

Volvendo ao evento deste sábado, sinalar que foi organizado pola Universidade da Coruña baixo a coordinación do profesor José Antonio Becerra Permuy, e que, ademais dos case medio cento de equipos participantes, contou coa asistencia de máis dun centenar de voluntarios (profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos do Campus de Ferrol.
O resto dos premios quedaron así:
• Primeiro premio Dragados ao Proxecto de Innovación: C3Club, do IES Ricardo Carvalho Calero de Ferrol, A Coruña. Entregou o premio Begoña Losada, de Dragados.
• Primeiro Premio Concello de Ferrol ao Valores FIRST: FrouxiMakers, do CPI de Atios, Valdoviño, A Coruña. Entregou o premio o alcalde de Ferrol, Ángel Mato.
• Primeiro Premio Santander Innovación ao Deseño do Robot: AnonymotsBot, do IES Fene, A Coruña. Entregou o premio Yago Sabucedo, de Banco Santander.
• Primeiro Premio Deputación da Coruña ao Comportamento do Robot: Cuca y la Panda, do Colexio de Fomento Peñarredonda, A Coruña. Entrega do premio a deputada provincial Ana Lamas.
• Premio IGAPE ao Emprendemento: Ecorunners, do IES Virxe do Mar de Noia, A Coruña. Entregou o premio Natalia Barros, da Xunta de Galicia.
• Premio LEGO Education ROBOTIX ás Novas Promesas: Robot City Pobra, da Pobra do Caramiñal, A Coruña. Entregou o premio Mariano Cabrero, subdirector da Facultade de Informática da UDC.
• Segundo Premio Gabadi ao Proxecto de Innovación: PDG Diamonds, de Palacio de Granda, Asturias. Entregou o premio Vicent Alsina, de Gabadi.
• Segundo Premio aos Valores FIRST: E-Constractors, do Colexio Plurilingüe Santa María, Ourense. Entregou o premio Armando Yáñez, director da Escola Politécnica Superior.
• Segundo Premio ao Deseño do Robot: Efigy First Las Acacias, Colexio de Fomento Las Acacias de Vigo, Pontevedra. Entregou o premio Andrés Piñón, director da Escola Universitaria Politécnica.
• Premio ao Adestrador para o adestrador do equipo Hackzapos, de Gazapo.gal, Narón, A Coruña. Entregou o premio Alberto González, alcalde de Valdoviño.
• Nominación ao Global Innovation Awards: PDG Diamonds, de Palacio de Granda, Asturias. Entregou o premio Ginés Nicolás, director do Campus Industrial de Ferrol.
Entidades participantes
Como cada ano, colaboran nesta iniciativa Santander Universidades, a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Ferrol e o Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño. Ademais, patrocinan a First Lego League Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), Dragados, Gabadi, Naturgy, GADIS, R, Error Ferrol!, PuntoGal, Neodyn, TodoOcio e Lidl.

PUBLICIDADE