Las guerreras K-pop rachan marcas en Netflix

xoves, 22 de xaneiro do 2026 Marcus Fernández

A plataforma de streaming de pagamento de referencia mundial, Netflix, vén de compartir o seu informe sobre o engagement dos seus subscritores entre xullo e decembro de 2025, espazo de tempo no que acumularon 96 mil millóns de horas vistas. O criterio que ten a compañía de Reed Hastings para medir a dependencia dos seus usuarios consiste en dividir o total de horas vistas polo tempo de reprodución.
O segundo semestre de 2025 quedou marcado polo fenómeno de Las guerreras K-pop, que non só foi o título máis visto nese tempo, senón que rachou con todas as marcas anteriores ao acumular 482 millóns de visualizacións.
Tamén o regreso de Stranger Things cativou grande audiencia a nivel mundial, con 94 millóns de visualizacións, aínda que se medimos o acumulado da serie contando as súas tempadas anteriores estariamos a falar de 275 millóns de visualizacións, demostrando a súa forza.
Pero series máis recentes, como Miércoles, tamén funcionan moi ben a nivel mundial, conseguindo 124 millóns de visualizacións coa súa segunda tempada, destacando tamén o feito de que a súa primeira tempada foi revisada/descuberta por moito público, conseguindo 47 millóns de visualizacións.
No caso español, Netflix destaca os 36 millóns de visualizacións de Ángela, os 28 millóns de reproducións da primeira tempada de El refugio atómico, os 26 millóns de visualizacións de Dos tumbas e os 15 millóns de visualizacións de Animal (serie gravada en Galicia).

Éxitos feitos en Galicia

En chave galega tamén podemos destacar que o informe recolle as visualizacións de series como El caso Asunta (6,5 millóns de visualizacións), da primeira tempada de Clanes (6,4 millóns de visualizacións), Fariña (2,1 millóns de visualizacións) e Vivir sin permiso (2 millóns de visualizacións). Tamén sorprende o caso dunha miniserie gravada en grande medida en Pontevedra e Cambados, El Jardinero, que o impresionante volume de 16,9 millóns de visualizacións no segundo semestre do ano pasado (pese a terse estreado en abril, cando conseguiu colocarse na primeira posición das series máis vistas en 46 países e situouse entre as 10 series máis vistas en 84 países).