LastPass dobra o prezo do seu plan Premium

venres, 4 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Cada vez que se produce unha serie intrusión informática lémbrase a necesidade de ter unha boa política de contrasinais, para o que contribúen seriamente os xestores de contrasinais como LastPass, que o ano pasado deu un importante salto ao mellorar o seu plan de balde ofrecendo a posibilidade de sincronizar contrasinais en varios dispositivos sen pasar por caixa, o que de seguro que captou novos usuarios, pero agora o servizo está a experimentar un profundo cambio que pode supor unha grande crise para a compañía, xa que decidiron dobrar o prezo do seu plan Premium, que pasa de 12 a 24 dólares/ano (o que xa está a provocar unha resposta moi negativa en redes sociais).
Cómpre lembra que o competidor máis directo de LastPass, 1Password ten un prezo de 2,99 dólares/mes (facturados anualmente), de xeito que o prezo é LastPass sería máis que competitivo, pero a xogada de incrementar o prezo un 100% é demasiado brusca, aínda que agora LastPass tamén prepara a oferta un novo servizo que en moitos casos podería paliar a suba de prezos: LastPass Families. Este novo servizo familiar incluirá 6 licenzas de LastPass Premium por 48 dólares/ano, de xeito que para grupos de 4 usuarios terían as mesmas tarifas que o ano pasado e para 5-6 usuarios incluso resultaría máis barato.
O plan de balde de LastPass continúa a permitir as funcións básicas de gardado e completado de contrasinais, xerador de contrasinais seguros, identificación multi-factor e acceso dende varios dispositivos; pero os usuarios que queiran gozar de funcións avanzadas, a posibilidade de empregar o xestor de contrasinais con aplicacións e gozar de 1 GB de almacenamento cifrado de ficheiros terán que pagar un par de dólares ao mes.

PUBLICIDADE