A startup de San Francisco chamada Leap Motion vén de dar a coñecer un novo sistema de control por movemento chamado Leap 3D que achegaría unha experiencia de uso semellante á que ofrece o Kinect da Xbox 360, pero cun nivel de precisión moi superior, orientándose non á detección do corpo completo, senón dos propios dedos das mans, para poder controlar o noso equipo informático mediante xestos, o que permitiría tamén trasladar parte da mecánica de uso de dispositivos como tablets e smartphones, coa vantaxe de que funcionaría grazas a un pequeno dispositivo USB que pretende venderse por só 70 dólares, aínda que haberá que agardar ata o ano que vén para que este produto chegue ao mercado de consumo.

Polo momento, Leap Motion xa conseguiu 12,75 millóns de dólares de capital achegado por Andy Miller (Highland Capital Partners) a primeiros de mes, o que poderá servir para ir fornecendo esta plataforma que de funcionar como prometen, podería atraer a numerosos desenvolvedores para adaptar as súas aplicacións a esta interface de uso.
Vídeo de presentación da nova tecnoloxía de control desenvolvida por Leap Motion
Leap 3D podería facilitar o control do ordenador mediante xestos sen contacto
Compartir Este Artigo

