Left 4 Dead 2 ofrécese de balde por tempo limitado

xoves, 26 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Para celebrar o Nadal, Valve agasalla dende a tarde de onte a ata as 19:00 horas aos usuarios de Steam, a plataforma de descarga de xogos para PC, o emblemático título Left 4 Dead 2, un xogo de acción en primeira persoa ambientado nunha apocalipse zombi no que haberá que sobrevivir cooperando con outros xogadores a través de cidades, pantanos e camposantos durante cinco grandes campañas.
Left 4 Dead 2 pode xogarse baixo Windows, OS X e Linux, e parece que esta promoción causou grande impacto, pois tras o seu anuncio os servidores de Steam permaneceron caídos/inestables durante varias horas, dando a impresión de que a vaga de usuarios que acudiron a descargar o xogo de balde foi espectacular.

Steam celebra o Nadal ofrecendo de balde o xogo Left 4 Dead 2

Este xogo toma o relevo dunha primeira entrega que sentou cátedra en 2008, converténdose nun dos referentes para os xogos de acción cooperativa tanto en PC como en distintas consolas de videoxogos, aproveitando a moda dos zombis que aínda hoxe segue viva, e ofrecendo unha experiencia na que o xogo en equipo é moi importante para a supervivencia. Tamén destaca o deseño dos infectados, pois contan con distintas variantes con aparencias e habilidades ben diferenciadas, de xeito que ao toparse con eles haberá que adoptar tácticas diferentes para saír con vida.
Por fortuna, a versión de PC de Left 4 Dead 2 non é moi esixente, precisando para o seu goce dun equipo que, no caso de Windows, iría dende un Pentium 4 a 3 GHz, con 1 Gb de RAM, gráfica ATI 9600, nVIDIA 6600 ou superior con 128 Mb de memoria e 13 Gb de espazo de disco libre, polo que funciona practicamente en calquera equipo adquirido na última década.

Pese a ter varios anos, Left 4 Dead 2 segue a ser un dos xogos de zombis máis xogados en liña a día de hoxe

PUBLICIDADE