Lenovo actualiza a súa consola portátil baseada en Windows 11

venres, 5 de setembro do 2025 Redacción

Lenovo revelou hoxe en San Francisco, no marco da Lenovo Innovation World 2025, novos produtos como a Lenovo Legion Go (8,8”, 2), unha consola de videoxogos portátil baseada en Windows 11 que sucede ao modelo lanzado en 2023.
A nova Legion Go (8,8”, 2) chega como produto comercial cun deseño mellorado e funcións avanzadas en resposta ás peticións da comunidade. O dispositivo integra unha pantalla OLED de 8,8 polgadas con resolución WUXGA, refresco variable de 30 a 144 Hz, HDR TrueBlack 1000 e unha ampla gama cromática (97 % DCI-P3). Esta combinación ofrece cores vivas, negros profundos e unha experiencia fluída en títulos AAA e xogos independentes.
No seu interior pode montar ata un procesador AMD Ryzen Z2 Extreme con gráficos Radeon 890M, acompañado de ata 32 GB de memoria LPDDR5X a 8.000 MHz e almacenamento SSD PCIe 4 de ata 2 TB, ampliable cunha tarxeta microSD de igual capacidade. A batería, de 74 Whr, medra un 50 % fronte á do modelo anterior e é compatible con carga rápida.
Os mandos desmontables Legion TrueStrike renováronse con liñas ergonómicas e un deseño máis suave, mantendo o modo FPS que transforma o mando dereito nun rato vertical para xogos de disparos. Engádense tres botóns programables e un pad direccional de maior tamaño para mellorar a precisión en xogos retro e de loita. Estes mandos son retrocompatibles co primeiro modelo do Legion Go.
Este ordenador consolizado incorpora un soporte traseiro para xogar con mandos separados, dous portos USB 4 (na parte superior e inferior), lector de impresións dixitais integrado no botón de acendido e conectividade Wi-Fi 6E e Bluetooth 5.3.
A Lenovo Legion Go (8,8”, 2) chegará ao mercado este mesmo mes cun prezo de saída de 999 euros.