Lenovo convídanos a xogar a ser cabaleiros Jedi en realidade aumentada

luns, 4 de setembro do 2017 Marcus Fernández

A realidade aumentada quere gañar cada vez máis forza no ámbito do lecer, como ben puidemos ver co éxito de Pokémon Go, e de cara ao Nadal é posible que vexamos como outro produto consegue chamar a atención a nivel global, xa que Lenovo vai comercializar Star Wars: Jedi Challenges, un sistema de realidade aumentada baseado nun casco no que introducir o smartphone que permite que os seus usuarios poidan gozar en primeira persoa da sensación de ser un cabaleiro Jedi sen desligarse do contorno como cos cascos de realidade virtual.
Este novo produto será realidade grazas á colaboración entre Lenovo e Disney, e está composto por un casco Lenovo Mirage AR (no que introducir o smartphone), un baliza de posición, un mando con forma de espada de luz e numerosos contidos de Star Wars compatibles con móbiles iPhone e Android, o que permitirá que podamos adestrar no manexo de espadas de luz para derrotar a malvados como Kylo Ren, controlar a tropas en misións de combate para derrotar ao Imperio ou incluso botar partidas de Holochess (o xadrez holográfico con monstros que podía verse nos filmes da franquía galáctica), sempre en realidade aumentada.
Para conseguir o efecto holográfico Lenovo optou por un casco semellante aos de realidade virtual, no que, en vez de colocar o móbil fronte aos ollos do usuario, preséntase reflectido nun espello translúcido dentro do casco, de xeito que deixa ver o mundo real, sobre o que proxecta os contidos virtuais, o que ten como principal vantaxe o feito de que, ao gozar dos combates con espadas de luz veremos o que temos ao redor, de xeito que será unha actividade menos perigosa que se estivésemos plenamente somerxidos nun mundo virtual. Aínda que esta solución pode funcionar con case calquera smartphone actual de certa potencia, polo momento está ó confirmada a súa compatibilidade con iPhone 6s/6s Plus/7/7 Plus, Samsung Galaxy S7/S7 edge/S8, Google Pixel/Pixel XL e Moto Z (selección á que se incorporarán novos terminais máis adiante).
Star Wars: Jedi Challenge pode xa reservarse nas tendas en liña de Lenovo en EE.UU., Reino Unido e Alemaña, a un prezo de 199,99 dólares/249,99 libras esterlinas/299,99 euros, o que dá a entender que o seu prezo en España non será precisamente económico, aínda que o que si está confirmado é que ao noso territorio non chegará até primeiros de 2018, de xeito que quen queira agasallar este produto no Nadal deberá recorrer á súa importación (o software chegará en inglés, alemán, xaponés, francés e español).

En realidade aumentada tamén poderemos controlar ás tropas rebeldes en enfrontamentos contra o Imperio
Con Star Wars: Jedi Challenges poderemos baternos con Kylo Ren en realidade aumentada

Vídeo promocional de Star Wars: Jedi Challenges

PUBLICIDADE