Lenovo deixa ver unha pulseira de actividade que servirá para identificarnos automaticamente no noso ordenador

luns, 27 de outubro do 2014 Marcus Fernández

A páxina web de Lenovo amosa un novo produto, a Smartband SW-B100 en cor azul e laranxa, que está a resultar rechamante por parecer unha desas moitas pulseiras de actividade, que rexistran os pasos que damos diariamente, a calidade do noso sono e o noso pulso, engadindo as estas funcionalidades unha prestación bastante atractiva, que consistiría no seu uso como método de identificación nos nosos equipos informáticos como se fose unha chave.
Este curioso accesorio non limita a súa interacción con outros equipos ao seu uso como sistema de desbloqueo do noso ordenador sen ter que introducir un contrasinal, senón que tamén pode relacionar con dispositivos móbiles (con como mínimo Android 4 3 ou iOS 7.1), avisando de chamadas e mensaxes de texto, á vez que tamén podería empregarse como recordatorios de citas.
A Lenovo Smartband SW-8100 ten unhas dimensións de 211 x 10,7 x 18 milímetros e un peso de 22 gramos, e agora queda por saber a data de lanzamento e o prezo que terá este curioso produto.

PUBLICIDADE