Lenovo leva o Asistente de Google á nosa mesiña de noite

martes, 8 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

O pasado verán Lenovo anunciou unha alternativa ao Echo Show de Amazon, que en vez de empregar o asistente Alexa facía o propio co Asistente de Google, e seguindo a mesma liña deste Lenovo Smart Display agora aproveita a celebración do CES de Las Vegas para presentar o Lenovo Smart Clock, unha alternativa ao Echo Spot de Amazon que busca converterse nun produto indispensable nas mesiñas dos dormitorios.
O Lenovo Smart Clock conta cunha pantalla IPS de 4 polgadas e permite o seu control tanto por voz como a través da súa pantalla táctil, de xeito que tanto podemos empregalo como un simple reloxo espertador como aproveitalo como un sistema de control domótico.
Un detalle bastante interesante que inclúe é un porto USB completo, de xeito que pode ser tamén un cargador para o noso smartphone ou outros produtos tecnolóxicos.
Este pequeno dispositivo integra un altofalante de 6 watts, o que resulta máis que dabondo para dormitorios, podendo aproveitarse para a reprodución musical e doutros contidos sonoros tanto de xeito independente como nunha configuración multi-room.
Empregar un trebello como o Lenovo Smart Clock para espertar pode resultar bastante agradable, xa que na rutina de espertador pode programarse que a iluminación do curto vaia incrementándose progresivamente dende minutos antes da hora de erguerse, facilitando así un espetar relaxado, que pode ir acompañado por sons, música ou tons de chamadas, en función das nosas preferencias.
Pero probablemente o factor que será decisivo no éxito do Lenovo Smart Clock será o seu prezo, xa que sairá á venda en primavera a 79,99 dólares, mentres que o prezo oficial do Echo Spot é de 129,99 euros.

O Lenovo Smart Clock é un dos xeitos máis naturais de introducir o Asistente de Google nos dormitorios

PUBLICIDADE