Lenovo presenta lentes de realidade aumentada que proxectan monitores virtuais

luns, 11 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Afastándose de solucións de realidade aumentada que buscan interactuar con numerosos contornos para revolucionar o xeito de relacionarnos co mundo, dende Lenovo son máis conscientes do estado desta tecnoloxía e presentan as lentes conectadas ThinkReality A3, que buscan basicamente conectarse a un PC ou a certos smartphones de Motorola a través de USB-C para poder presentar ao usuario até 5 pantallas virtuais coas que poder traballar.
Estas lentes están equipadas cun procesador Qualcomm Snapdragon XR1, pantallas estereoscópicas Full HD e unha cámara de 8 Mpíxeles para rexistrar o contorno. Aínda que esta tecnoloxía pode aplicarse a distintos escenarios, o seu desenvolvemento inicial limítase a ofrecer monitores virtuais que poidan empregarse dende Windows, conseguindo así un escenario inmersivo e privado no que poder desenvolver tarefas de produtividade.
De optar por conectar as lentes a smartphones, a orientación sería diferente, pois podería servir para usos como os que xa están a desenvolverse con HoloLens e outras lentes de realidade aumentada, ou sexa, para contornos industriais, laboratorios, hospitais... lugares nos que a realidade aumentada pode axudar para achegar guías de uso e outra información de utilidade para desenvolver traballos moi específicos, e que precisamente son os ámbitos nos que esta tecnoloxía vai avanzando a un ritmo máis pausado, xa que require de moita investigación e desenvolvemento para desatar todo o seu potencial.
Estas novas lentes de realidade aumentada de Lenovo comercializaranse a partir de mediados de ano.

Vídeo de presentación das Lenovo ThinkReality A3

PUBLICIDADE