Lenovo presenta un casco de realidade virtual autónomo para educación

martes, 21 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

Lenovo está a asistir estes días ao Congreso da Tecnoloxía do Futuro da Educación (FETC) de Miami para amosar as súas novas solucións educativas, entre as que destaca a Lenovo VR Classroom 2, que vén a ser un sistema para a introdución da realidade virtual nas aulas, que chegará con ferramentas para que os profesores poidan integrar e sincronizar os contidos inmersivos que se consomen co casco de realidade virtual coas leccións que estean a impartir.
Este novo casco de realidade virtual permite realizar tours virtuais e outros tipos de experiencias inmersivas dun xeito autónomo, ou sexa, sen precisar dun PC ou dun smartphone para funcionar, á vez que tampouco precisa de cables, conseguindo unha experiencia de uso simple e cómoda. Está orientado a mozos de a partires de 13 anos, conta con mando sen fíos para o seu control (na liña de Oculus Go) e as súas pantallas integradas ofrecen unha resolución de 1.920 x 2.160 píxeles por ollo cun campo de visión de 110 graos, o que achega unha calidade de imaxe bastante boa, que permitirá explorar mundos virtuais con grande nivel de detalle, aínda que neste caso o máis importante desta solución e a súa integración con Lenovo ThinkReality e LANschool Air, de xeito que tanto os administradores de sistemas como os mestres poderán xestionar a súa incorporación nos procesos educativos.
Está previsto que o sistema de realidade virtual Lenovo VR Classroom 2 chegue ao mercado en primavera.

PUBLICIDADE