Lenovo presenta un novo tablet con Windows 8 a un prezo axustado

mércores, 7 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Na liña do Samsung ATIV Tab 3, Lenovo publica na súa páxina web a ficha do seu novo tablet con Windows 8, o Lenovo Miix 10, que comezará a distribuírse o vindeiro día 16 e que terá un prezo que parte de 599 dólares (450,92 euros) ofrecendo unha experiencia de uso completa (pois opera cunha versión normal do sistema operativo de Microsoft e non co limitado Windows RT) e incluso comercializarase cun teclado externo opcional.
O Lenovo Miix 10 funciona cun procesador Intel Atom Z2760 a 1,8 GHz, 2 Gb de RAM e 64 Gb de almacenamento interno, a súa pantalla IPS de 10,1 polgadas ten unha resolución de 1.366 x 768 píxeles, conta con Wi-Fi N, Bluetooth 4.0 e cámara frontal de 1 Mpíxel, micro USB 2.0, lector de tarxetas microSD, micro-HDMI, 3G opcional e unha batería de 6.800 mAh que achégalle unha autonomía de ata 10 horas. O seu grosor é de só 9,9 milímetros e pesa 580 gramos.
Esta excelente opción para quen desexe ter un Windows completo dentro dun tablet tamén inclúe software específico de Lenovo, como unha aplicación que emprega a webcam para recoñecer os nosos xestos e así poder facer certas funcións sen chegar a tocar a súa pantalla ou mesmo un sistema de recoñecemento facial para que podamos identificarnos no equipo empregando o noso rostro como contrasinal (pensando principalmente en tablets compartidos no fogar).

Entre as opcións do Lenovo Miix 10 está unha funda con teclado

PUBLICIDADE