Lenovo presenta unha tableta dotada cun potente altofalante

martes, 16 de xuño do 2026 Redacción

Lenovo deu a coñecer unha nova versión da súa tablet Tab Plus, centrada de novo no apartado de audio e cun redeseño do módulo traseiro de altofalantes. O modelo anterior xa destacaba por integrar oito altofalantes nunha protuberancia posterior de 13,58 milímetros, mentres que esta nova xeración incrementa a aposta ata nove altofalantes, o que obriga a un módulo circular que acada os 22,7 milímetros de grosor.
Esta peza traseira non só concentra o sistema de son, senón que incorpora tamén un soporte despregable capaz de xirar 360 graos, pensado para facilitar o uso en posición vertical e horizontal sen necesidade de accesorios adicionais. A compañía mantén así a idea dunha tableta orientada ao consumo multimedia e ao uso como dispositivo de audio autónomo.
O sistema de son está optimizado con tecnoloxía Dolby Atmos e combina tweeters e woofers para reforzar especialmente os graves. Inclúe ademais distintos modos de audio con opcións de ecualización orientadas a música e contido audiovisual, e permite empregarse como altofalante Bluetooth independente para reproducir son enviado desde outros dispositivos.
A nivel técnico, a tableta incorpora unha pantalla LCD de 12,1 polgadas con taxa de refresco de 120 Hz e resolución é de 2.560 x 1.600 píxeles. A batería é de 10.200 mAh, cunha autonomía estimada de ata 15 horas de reprodución de vídeo en plataformas como YouTube. Funciona cun procesador MediaTek Dimensity 7400 de oito núcleos, con configuracións que van de 6 a 12 GB de memoria RAM e opcións de almacenamento entre 128 e 256 GB, ampliables mediante tarxetas microSD de ata 2 TB. A cámara frontal é de 8 megapíxeles, mentres que a traseira é de 13 megapíxeles. Funciona con Android 16 e promete dous anos de actualizacións do sistema operativo, ademais de catro anos de parches de seguridade.
A súa dispoñibilidade e prezos aínda non está moi clara, pero o produto xa leva días listado en Google cun prezo de 429 euros para a súa versión con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento.