Lenovo presenta unha tableta modular e un convertible con pantalla OLED

luns, 4 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Lenovo está a renovar a súa gama de equipos 2-en-1 da gama Thinkpad de cara a 2016, sorprendendo especialmente coa Thinkpad X1 Tablet, que vén a ser unha tableta con Windows 10 cunha pantalla de 12 polgadas (cunha resolución de 2.160 x 1.440 píxeles), procesador Intel Core m7, até 16 GB de RAM, até 1 TB de SSD, porto mini DisplayPort, peaña, carga mediante un porto USB-C, LTE opcional e, como grande novidade, a posibilidade de configurarse con tres módulos adicionais.
Este equipo sairá á venda en febreiro a un prezo base de 899 dólares, mentres que o módulo dirixido á produtividade custará 149 dólares e engade batería para 5 horas máis de autonomía, un porto HDMI adicional e un porto Onelink+; polo mesmo prezo tamén podemos engadirlle unha cámara Intel RealSense 3D que facilita a dixitalización de obxectos en tres dimensións; pero o módulo máis rechamante é o de presentacións profesionais, que por 279 dólares incorpora un proxector de vídeo capaz de crear unha pantalla de 60 polgadas a menos de 2 metros de distancia.

ThinkPad X1 Yoga

Aínda que o concepto modular sexa moi interesante, non é menos innovador o ThinkPad X1 Yoga, que sería o primeiro ordenador portátil convertible con pantalla OLED de 14 polgadas, o que permite unha calidade de imaxe difícil de ver nun equipo deste tipo, e que está dispoñible en pantallas táctiles Full HD ou cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles.
O X1 Yoga funciona cun procesador Intel Core i7, até 16 GB de RAM, até 1 TB de SSD, gráfica Intel HD520, 3 portos USB 3.0, Ethernet, mini DisplayPort, HDMI, lector de tarxetas microSD e lapis dixitalizador (opcional). Temos así un equipo moi potente e atractivo, que chegará ao mercado o mes que vén a un prezo que parte dos 1449 dólares.

PUBLICIDADE